BASES DA 3ª EDICIÓN DO CERTAME DE CREACIÓN DE CANCIÓN POPULAR “ACoruÑaSon”

BASES DA 3ª EDICIÓN DO CERTAME DE CREACIÓN DE CANCIÓN POPULAR “ACoruña Son”
DEFINICIÓN DO CERTAME:

ACoruñaSon é un certame de creación de canción popular organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña. Este Certame, que ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego, ábrese coa selección de dez autores. Os dez terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular de cinco días de duración impartido por profesionais galegos de prestixio, onde traballarán as súas propias composicións. A actividade final do obradoiro será a gravación dun disco colectivo durante un concerto ao que serán convidados representantes de todos os sectores da industria musical galega.

Os autores que non fosen seleccionados entre os dez participantes do obradoiro, así como outras persoas interesadas en asistir ao Obradoiro de Canción Popular, que terá lugar do 10 ao 15 de maio na Coruña, teñen a posibilidade de matricularse en calidade de alumnos ou alumnas oíntes. Para formalizaren a matrícula deberán seguir o proceso que se indicará proximamente na web do certame http://acorunason.eu.

Este Certame réxese polas bases que se establecen a continuación:

PARTICIPACIÓN:

Poderán participar, segundo o previsto nas presentes bases, todas aquelas persoas físicas, autoras de canción popular en galego, que sexan usuarios rexistrados de http://acorunason.eu

Os participantes deben ter a certeza de que os contratos discográficos, editoriais e/ou de representación artística ou calquera outros a que poidan estar suxeitos non supoñen unha limitación á difusión que se realizará das maquetas, á gravación do disco colectivo e ás actuacións que terán lugar nos concertos a realizar polos gañadores ou que limiten os dereitos de uso de imaxe dos participantes.

INSCRICIÓN:

Usuarios e Usuarias:

Todas aquelas persoas que desexen participar para votar e comentar poderán facelo na web http://acorunason.eu. O sistema requrirá que introduzan un enderezo de correo válido onde recibirán unha ligazón para confirmar os seus votos.

Ao participaren, estes están a aceptar todas as bases. Os datos facilitados serán almacenados nunha base de datos propiedade da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa finalidade de utilizalos nas distintas modalidades da promoción. Nos casos contemplados nas Bases os seus datos poderán ser dados a coñecer total ou parcialmente. A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña tratará estes datos cumprindo o estipulado na LOPD 15/1999 e demais normativa en desenvolvemento.

Así mesmo, dan o seu consentimento inequívoco para que os organizadores poidan enviar no futuro informacións de interese similares ás desta promoción, a través do seu enderezo de correo electrónico. Se o desexan poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición ao tratamento, enviando un correo electrónico a  cultura@coruna.es

Participantes:

Autores e autoras:

Todos aqueles autores e autoras que queiran participar no certame ACoruñaSon e reúnan os requisitos expostos deberán rexistrarse e enviar a súa maqueta en formato de vídeo e/ou MP3 a través da Web http://acorunason.eu xunto co formulario de inscrición no certame.

Formulario Inscrición:

Para poder participar é necesario, ao mesmo tempo que se envía a maqueta, cumprimentar o formulario cos seguintes datos:

    Nome do artista ou grupo
    Nome da persoa responsábel do grupo
    DNI do artista ou da persoa responsábel do grupo
    Enderezo postal
    E-mail de contacto
    Teléfono de contacto
    Tipo de música
    Titulo da obra presentada
    Letra da canción que se presenta ao certame
    Foto do autor ou do grupo en formato jpeg/jpg peso máximo 2 MB por foto

Os usuarios e usuarias poderán ver e escoitar libremente as maquetas de todos os participantes inscritos no Certame.
Ao participaren no portal http://acorunason.eu, están a aceptar todas as bases do certame. Os datos facilitados serán almacenados nunha base de datos propiedade do Concello da Coruña, coa finalidade de utilizalos nas distintas modalidades da promoción. Nos casos contemplados nas Bases, os seus datos poderán ser dados a coñecer total ou parcialmente. A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña tratará estes datos cumprindo o estipulado na LOPD 15/1999 e demais normativa en desenvolvemento.

Así mesmo, dan o seu consentimento inequívoco para que os organizadores poidan enviarlle no futuro informacións de interese similares ás desta promoción, mediante email. Se o prefiren poden exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición ao tratamento, enviando un correo electrónico a cultura@coruna.es

Requisitos das Maquetas:

A autora ou o autor concursante deberá reunir na mesma persoa a condición de Artista/Intérprete e Compositor/a da gravación/obra musical (denominada maqueta) presentada ao concurso, aínda que poida estar acompañado na interpretación por outros músicos.

Cada concursante debe participar cun mínimo de dúas cancións e un máximo de cinco.

A maqueta deberá ser da propia autoría do concursante, orixinal, non divulgada anteriormente, nin suxeita a limitacións e/ou obrigas contractuais previas de ningún tipo.

O Certame non se responsabiliza da autoría das composicións, sendo os concursantes os únicos responsábeis legais da autenticidade da súa autoría e do seu contido.

As maquetas están abertas a calquera estilo dentro dos límites da música popular: pop, rock, electrónica, folk, jazz, canción de autor, etc…

Serán excluídos do concurso os plaxios declarados ou temas con letras de contido xenófobo, racista, ou que fagan apoloxía da violencia ou o terrorismo, reservándose o dereito a excluír do Certame todos aqueles temas que vulneren o presente requisito a xuízo razoábel da organización.

Requisitos técnicos:

Peso dos arquivos: cada maqueta non deberá superar os 100 MB, tanto no caso dos vídeos como nos MP3.

DESENVOLVEMENTO DO CERTAME E PREMIOS:

Do 22 de marzo ao 11 de abril de 2010 poderán rexistrarse os e as participantes no concurso. Durante este tempo non se poderán votar as cancións.

Do 12 de abril ao 2 de maio de 2010 o público poderá votar polas cancións participantes no certame. Cadaquén poderá votar unha vez por tantas cancións como desexe.

Votación de maquetas:

Considérase que un voto é válido unha vez se teña recibido na pantalla da páxina Web unha mensaxe de voto válido.
O sistema permite deixar comentarios ás cancións, sempre realizados en ton de respecto polos demais.

DEREITOS DAS MAQUETAS:

Os dereitos sobre as composicións dos participantes no evento serán propiedade dos seus autores, se ben, ao participaren no certamen, consinten a cesión non exclusiva ao Concello da Coruña dos dereitos de propiedade intelectual con fins promocionais e de difusión do certame ou do obradoiro “ACoruñaSon”, nesta ou sucesivas edicións.

AUTORES/AS GAÑADORES/AS:

Os 10 gañadores/as de ACS10 serán escollidos exclusivamente polos votos dos usuarios. A selección final será dada a coñecer o día 2 de maio de 2010 a través da web do certame e directamente por correo electrónico ou teléfono aos candidatos e candidatas.

Consideraranse cancións gañadoras as 10 que obteñan as maiores puntuacións. En caso de empate, clasificarase por diante o grupo que teña máis puntos pola totalidade das súas cancións.  De persistir o empate realizarase un sorteo.

A organización porase en contacto cos gañadores/as vía correo electrónico ou móbil. Se ao termo de cinco días, non se tivese localizado a algún deles o premio pasaría ao seguinte autor premiado.

Os 10 autores/as saídos da selección final recibirán como premio:

    Asistencia a un obradoiro de canción popular de cinco días de duración, onde traballarán as súas propias composicións.
    Participación nun concerto ao remate do obradoiro. O concerto terá lugar o 15 de maio.
    Gravación dun disco colectivo.
    Hospedaxe durante os días do obradoiro.

OUTRAS CONSIDERACIÓNS :

O Concello da Coruña resérvase o dereito de mudar as datas establecidas nestas bases. En calquera caso todas as datas e detalles do concurso serán comunicados oportunamente e coa debida antelación a través da web http://acorunason.eu.
A participación no Certame supón a aceptación destas bases. O incumprimento das mesmas dará lugar á exclusión das inscricións que non cumpran as condicións establecidas.

Os premios non poderán ser en ningún caso trocados por outro tipo de premio nin polo equivalente do seu valor en efectivo.

O dereito dos gañadores e gañadoras a obter o premio non será transferíbel a terceiros.

Para calquera dúbida, cuestión ou aclaración sobre o concurso, os participantes poderán dirixirse ao seguinte enderezo de correo electrónico: cultura@coruna.es